88 / 1000

«Feijóo limitouse a continuar, con algún cambio, o que Fraga deixou feito en Galicia»

Entrevista a Justo Beramendi

<p>
	Justo Beramendi.</p>

Justo Beramendi.

O catedrático de Historia da Universidade de Santiago (USC), Justo Beramendi, presentou onte na Libraría Lume a súa última obra, Historia Mínima de Galicia, da editorial Turner. Nela elabora un percorrido desde o Paleolítico até o momento actual, coa irrupción política das Mareas como novo actor do sistema de partidos de Galicia. Beramendi analiza nesta entrevista a situación política que vive o país a menos de dúas semanas da cita coas urnas, o estado de saúde do soberanismo ou o legado político que deixa o líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, despois de oito anos á frente da Xunta de Galicia

Que distingue a este libro doutros traballos anteriores sobre a historia de Galicia?

Cada autor que escribe a historia ten un enfoque distinto. Este libro caracterízase, dentro da selección rigorosa que hai que facer, por procurar dar unha idea completa da natureza e evolución das sociedades que habitaron o territorio de Galicia nas sucesivas épocas, das causas desas características, e centrándose máis nas épocas máis próximas ao presente.

É recorrente dicir iso de que «un pobo sen memoria está condenado a repetir os seus erros». Como anda a sociedade galega no coñecemento do seu pasado?

Hai de todo, como en toda sociedade complexa. Hai certos sectores minoritarios que coñecen ben ou relativamente ben o seu pasado e hai unha maioría que o descoñece ou ten unha imaxe distorsionada del. A pesar de que hai unha escolarización maior, a preocupación polo pasado non predomina.

Que etapa da historia de Galicia considera que se coñece de maneira máis distorsianada polo cidadán de a pé?

Case todos os periodos están igual. Existen mitos como o dos celtas ou outros parecidos que naceron pola necesidade que teñen as sociedades de mitificar algúns aspectos do seu pasado. Este foi un proceso que se deu especialmente a partir do século XIX, cos románticos, e que desde entón calou no imaxinario colectivo. Esa impronta vese en cousas como que o principal equipo de fútbol de Vigo se chame así, Celta.

No seu libro tamén fala sobre o peso do soberanismo. Cal é o estado de saúde do nacionalismo galego hoxe en día?

Está nun momento baixo, iso é obvio. A parte da sociedade que se considera nación e, dentro dela, aqueles que pensan que debe exercerse o dereito de autodeterminación, é unha parte menor. Despois de pasar por un punto máximo entre os anos 1997 e 2001, onde o nacionalismo chegou case a un 25% dos votos, iniciouse unha curva descendente e hoxe está bastante baixo.


Seguir leyendo

Libros relacionadosˇ
9788416354078
Historia mínima de Galicia
Historia mínima de Galicia
Justo Beramendi